Mestrelab colle novo impulso cunha achega de GAIN de 4,2 millóns de euros

mércores, 29 de marzo do 2023 S. P.

O centro compostelán Mestrelab acolleu a semana pasada a visitta do conselleiro de Economía, Francisco Conde, quen destacou que o centro de investigación empresarial “sitúa a Marca Galicia como referente internacional en biotecnoloxía”. Conde salientou que se trata “dun centro pioneiro” xa que, xunto co impulsado por Borgwarner, “será dos primeiros que se poñerán en marcha no marco do programa das Unidades Mixtas de Investigación do Goberno galego”. Así, agárdase que actúe como centro neurálxico para o ecosistema galego de I+D+i ligado ás ciencias da vida. O programa conta cunha axuda da Axencia Galega de Innovación (GAIN) de 4,2M€ para un investimento total de 8M€.
A previsión é que dea traballo a máis dunha trintena de profesionais e que conte con 15 empresas entre usuarias e colaboradoras nos proxectos de investigación que se poñerán en marcha.
Mestrelab desenvolve solucións de software que, actualmente, están a ser utilizadas por preto de 500 clientes da industria farmacéutica, biotecnolóxica e química e por máis de 2.000 universidades de todo o mundo. Grazas á súa tecnoloxía, por exemplo, as vacinas contra a COVID desenvolvéronse en tempo récord.
Conde rematou a súa visita subliñando que este novo centro “permitirá incrementar a carteira de solucións e produtos do sector biotecnolóxico galego e redobrar a excelencia do Campus Vida, ademais de complementar a actividade do Polo biotecnolóxico da Sionlla”.
Mestrelab Research é un centro empresarial de investigación de Santiago de Compostela dende o que se materializa o sotfware especializado para investigación química que empregan xigantes empresariais como Pfizer, BioNTech, AstraZeneca e Moderna Therapeutics, as empresas farmacéuticas hoxe máis populares tras sacar as súas vacinas contra o COVID-19. Todas elas utilizan a tecnoloxía da firma galega, xunto con BASF, Dow Chemical, Dupont, Bayer, Roche ou Johnson, entre outras.

PUBLICIDADE