Meta traballa en cascos de realidade virtual máis realistas

martes, 21 de xuño do 2022 Marcus Fernández

A aposta polo metaverso por parte de Facebook está máis que clara tras adoptar a compañía o nome de Meta, pero a tecnoloxía precisa para chegar a tal obxectivo está aínda moi lonxe de ser unha realidade, e Mark Zuckerberg desvelou os últimos prototipos de cascos de realidade virtual nos que están a traballar, salientando que están a centrar os seus esforzos en conseguir unha calidade de imaxe que faga a realidade virtual indistinguible da realidade.
Dende Meta detallan que para facer posible unha solución que realmente engane á vista é preciso superar 4 retos: o sistema debe ser varifocal (ou sexa, que permita enfocar a profundidades arbitrarias da escena virtual), con distorsións mínimas (reducindo estas deformacións provocadas polas propias lentes), cunha resolución tan elevada que sexa imposible distinguir os píxeles e con HDR (ou sexa, cun rango dinámico que permite ver tanto elementos escuros como moi iluminados).
O prototipo amosado por Zuckerberg, coñecido como Holocake 2, sería o casco de realidade virtual máis delgado feito até o momento, e xa é capaz de correr calquera xogo de VR conectándoo a un PC (aínda que non incorpora todas as tecnoloxías que están a desenvolver dende Meta), e tamén se amosaron detalles sobre o vindeiro casco coñecido como Cambria, que sería a evolución das Meta Quest 2, evidenciando que aínda falta moito para que sexa realidade un casco que estea á altura do que perseguen. Teremos que agardar anos vendo como evolucionan os distintos elementos que conseguiran unha VR convincente até que conflúan un produto que sexa moi avanzado tecnoloxicamente mantendo un deseño compacto e lixeiro que facilite o seu uso durante tempo prolongado e poida disparar a popularidade desta categoría de produtos.

Entrevista na que Zuckerberg conversa sobre os retos da tecnoloxía de realidade vitual e mixta

PUBLICIDADE