Metal Gear Solid V: Ground Zeroes destaca entre os xogos de PlayStation Plus para o mes de xuño

mércores, 27 de maio do 2015 Marcus Fernández

O vindeiro 3 de xuño Sony renovará o catálogo de xogos instantáneos que poderían conseguir sen cargo adicional os subscritores de PlayStation Plus, que parece querer redimirse tras un mes bastante decepcionante (xa que os 6 xogos dispoñibles eran todos títulos de estudios independentes que resultaban descoñecidos para case todos os xogadores).
Temos así que os usuarios de PlayStation 4 poderán comezar xuño con bo pé, xa que poderán descargar Metal Gear Solid V: Ground Zeroes, o que é unha excelente oportunidade para recuperar a figura de Snake antes do lanzamento de Metal Gear Solid V: The Phantom Pain; e non só iso, senón que tamén poderán conseguir a Bone-A-Fide Edition de Skulls of the Shogun.
Os usuarios de PlayStation 3 tampouco teñen motivo de queixa pois, aínda que Cloudberry Kingdom é un xogo de plataformas pouco coñecido, pero vese de sobra compensado por Call of Juarez: Gunslinger, un western que conta unha viaxe épica dun cazador de recompensas na procura dos foraxidos máis famosos do Salvaxe Oeste.
Máis decepcionados poden estar os usuarios de PS Vita, que seguen sen grande xogos, e teñen que conformarse con Futuridium e Super Exploding Zoo, xogos que tamén poden executarse na PlayStation 4.


Vídeo promocional dos xogos instantáneos de PlayStation Plus para o mes de xuño

PUBLICIDADE