Metro: Last Light promociónase cun novo trailer e ofrecendo de balde Metro 2033

martes, 11 de decembro do 2012 Marcus Fernández

Para marzo de 2013 está previsto o lanzamento de Metro: Last Light, xogo de acción en primeira persoa que sitúase nun Moscú post-apocalíptico no que a humanidade sobrevive agochada nos túneles do metro, tendo que enfrontarse á ameaza de mutantes que recorren os ceos velenosos e as catacumbas baixo a superficie desolada pero, os sobreviventes, en vez de unirse, combaten nunha guerra civil.

Metro: Last Light preséntase como un shooter apoiado por unha boa historia

Esta aventura ambientada nun hipotético ano 2034 é unha secuela do xogo Metro 2033, baseado na novela de ciencia ficción homónima de Dmitry Glukhovsky que deu lugar a toda unha franquía literaria na que participan múltiples autores, e para familiarizar ao público con este contorno dende THQ decidiron ofrecer de balde unha copia de Metro 2033 para PC para os usuarios que preman no botón de Gústame da páxina de Facebook do xogo, conseguindo así un código que pode engadirse á plataforma Steam para descargar o xogo de 4A Games de balde.
Para continuar a crear expectación sobre o novo xogo tamén veñen de estrear un trailer de Metro: Last Light, que introdúcenos neste xogo de acción que destaca pola súa excelente ambientación:

PUBLICIDADE