Microsoft deixa de comercializar o adaptador USB para Kinect

mércores, 3 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

O lanzamento da Xbox One S fora unha grata sorpresa, xa que a redución de tamaño da consola de Microsoft era máis que notable, especialmente por permitir a erradicación do transformador de corrente externo, pero o cambio de deseño viña acompañado da eliminación do porto específico para o sensor Kinect, de xeito que quen quixese gozar dos xogos de control por movemento terían que facerse cun adaptador para poder empregalo nun porto USB da consola.
O sensor de Kinect trunfou como accesorio da Xbox 360, pero ao imporse no primeiro modelo de Xbox One supuxo todo un lastre, e finalmente Microsoft decidiu deixar o dispositivo de lado, de xeito que xa non se fabrica, e agora temos que o propio adaptador para conectalo ás novas Xbox One S e X está descatalogado (segundo confirmaron voceiros de Microsoft), o que pode considerarse como o derradeiro cravo no ataúde de Kinect, tecnoloxía que pese a ser moi atractiva e revolucionaria, non conseguiu callar entre os hardcore gamers.
Aparte dos xogos específicos para Kinect, o sensor tamén podía aproveitarse para controlar a consola mediante a voz ou para realizar retransmisións de vídeo ou os chats de vídeo por Skype, pero actualmente Cortana funciona con calquera casco con micrófono e dende o pasado outono a Xbox One tamén funciona con webcams USB, de xeito que Kinect pode dicir adeus sen traumas, aínda que quen conserve o sensor poderá continuar a empregalo satisfactoriamente, ou sexa, que o que están a facer é pechar a porta a novos usuarios.

PUBLICIDADE