Microsoft podería lanzar unha liña de smartphones baixo a marca Surface

luns, 17 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Render no que se simula a aparencia do que podería ser un smartphone Surface

Espérase que coa chegada de Windows 10 aos smartphones no outono cheguen tamén novos smartphones insignia de Microsoft, que serían o primeiro paso nunha nova xeración de teléfonos á que posteriormente podería seguir un dispositivo coñecido polo nome chave Project Juggernaut Alpha (tamén coñecido como Surface phone) do que veñen de filtrarse as que serían as súas especificacións, e resultan moi prometedoras.
O novo smartphone con Windows 10 que chegaría ao mercado a finais do presente ano ou a inicios de 2016 funcionaría cun procesador Intel SoFIA (aínda en desenvolvemento) que achegaría unhas prestacións inéditas nun dispositivo deste tipo. Estariamos ante un teléfono cunha pantalla AMOLED de 5,5 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles, 3/4 GB de RAM, 64/128 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 256 GB), cámaras de 21 e 8 Mpíxeles, Surface Pen (stylus semellante ao do Samsung Galaxy Note 5), porto USB-C, carga sen fíos e carcasa unibody de aluminio e magnesio. Teriamos así un dispositivo cunhas prestacións máis propias dun ordenador portátil, pero coa forma dun smartphone, e que iniciaría unha gama de teléfonos coa marca Surface, que distinguiríase así dos Lumia.
De todos os xeitos, hai certas dúbidas sobre a verosimilitude da filtración, xa que as especificacións indicadas serían bastante superiores sobre as que realmente soportarían os novos procesadores de Intel, de xeito que a nova xeración de teléfonos de Microsoft continúa a ser unha grande incógnita.

PUBLICIDADE