Microsoft podería volver ao mercado das webcams en 2019

luns, 24 de decembro do 2018 Marcus Fernández

Algunhas das últimas webcams comercializadas por Microsoft

Xa hai bastantes anos do lanzamento das últimas webcams da familia LifeCam de Microsoft, en boa medida porque este accesorio foi perdendo peso por estar xa integradas en equipos portátiles, pero nos últimos anos as retransmisións de partidas de videoxogos en liña en plataformas como Twitch volver a pór de actualidade este tipo de periféricos, e incluso a Xbox One incorporou o soporte de webcams USB, de aí que resulte interesante que transcendese que Microsoft estaría a preparar unha nova familia de webcams para 2019.
Ao parecer, a compañía de Redmond estaría a preparar o lanzamento dunha serie de cámaras web para o ano que vén, que contarían con resolución de vídeo 4K e funcionarían tanto en Windows 10 como en Xbox One. Aparte do seu uso para realizar retransmisións de vídeo, en Windows 10 estas cámaras serían interesantes porque, ao seren compatibles con Windows Hello, permitirían o desbloqueo dos equipos informáticos mediante o recoñecemento facial (funcionalidade á que o público está a afacerse grazas aos móbiles, e que actualmente teñen numerosos portátiles como os da familia Surface).
No caso da Xbox One estas novas cámaras recuperarían tamén a función de desbloqueo mediante recoñecemento facial da que xa contaban coa cámara de Kinect, sendo capaz de recoñecer a varios usuarios e iniciar a sesión concretamente do que estea en fronte da consola.
Os rumores apuntan a que as novas webcams estarían relacionadas dalgún xeito co Surface Hub 2, equipo ao que se conectaría por USB-C (e que incluso soportaría varias cámaras á vez), polo que non queda claro se finalmente estaremos ante unhas cámaras destinadas unicamente ao mercado profesional.

PUBLICIDADE