Microsoft pon data e prezo para o Surface con Windows 8 Pro

xoves, 29 de novembro do 2012 Marcus Fernández

Cando Microsoft amosou o seu Surface deixou claro que ía chegar en dúas versións diferentes, unha básica con Windows RT e outra avanzada con Windows 8, pero polo momento só está á venda o modelo base e en mercado limitados (quedando fóra de Europa), e finalmente a compañía conducida por Steve Ballmer pon data e prezo ao seu Surface con Windows 8 Pro, asegurando que sairá en xaneiro de 2013 en versións con 64 e 128 Gb de capacidade por 899 e 999 dólares respectivamente, o que supón un prezo inferior ao agardado por moitos, permitíndolle competir con moitos Ultrabooks actuais, pero ofrecendo unha maior versatilidade.
O Surface de alta gama incluirá un lapis para empregar para tomar anotacións na súa pantalla e unha pestana traseira que facilita a súa colocación sobre a mesa para o consumo de contidos multimedia. Tamén é compatible coas fundas-teclado Touch Cover e Type Cover que emprega o modelo básico de Surface.
A grande diferenza do novo modelo co anterior é que non se trata dun tablet con aspiracións de ordenador, senón que é un ordenador completo con forma de tablet, contando cun procesador Intel Core i5, 4 Gb de RAM, unha pantalla de 10,6 polgadas cunha definición de 1.920 x 1.080 píxeles (o modelo básico só ten unha resolución de 1.366 x 768 píxeles), porto USB 3.0 de tamaño completo e saída Mini DisplayPort para poder conectarlle un monitor externo cunha resolución de ata 2.560 x 1.440 píxeles. Todo insto cun grosor de menos de 14 milímetros e un peso menor de 900 gramos, aínda que por desgraza terá aproximadamente a metade de autonomía que o seu irmán pequeno.

Imaxe oficial do novo Surface con Windows 8 Pro

PUBLICIDADE