Microsoft presenta a súa alternativa ao Chromecast

martes, 23 de setembro do 2014 Marcus Fernández

Microsoft anunciou hoxe que para o mes que vén porá á venda o seu novo Wireless Display Adapter, que vén a ser un receptor Miracast que permite que dende un televisor, monitor ou proxector con entrada HDMI podamos recibir sen fíos o sinal achegado a través un ordenador ou tablet con Windows 8.1, o que resulta moi cómodo para realizar presentacións en pantalla grande ou incluso para o consumo de contidos multimedia.
Aparte da conexión HDMI, o novo adaptador tamén conta cun conector USB dende o que achega a súa alimentación, o que facilita enormemente a súa conexión en televisores (xa que pode aproveitarse un dos seus portos USB libres, evitando ter que empregar un adaptador de corrente adicional).
A grande vantaxe que presenta este novo accesorio de Microsoft fronte á dispositivos como o Chromecast de Google é que ao empregar unha tecnoloxía estandarizada dende hai tempo (Miracast) pode empregarse sen problema en numerosos equipos con independencia de que as aplicacións estean adaptadas, de xeito que podemos empregar o dispositivo sen fíos como se fose un monitor externo máis (de xeito que tanto podemos clonar a nosa pantalla principal como estender o noso escritorio informático á segunda pantalla).
Outros dispositivos que tamén poden aproveitar o receptor Miracast de Microsoft son os últimos smartphones da familia Lumia (e moitos outros con Android), de xeito que convértese nunha solución máis aberta que a de Google, aínda que o seu prezo tamén é superior, xa que este novo trebello ten un prezo inicial de 59,95 dólares (46,65 euros).

O adaptador incluso permite clonar a pantalla de smartphones no televisor


Vídeo de presentación do novo accesorio de Microsoft

PUBLICIDADE