Microsoft presenta moitas novidades para a familia de produtos Surface

mércores, 3 de outubro do 2018 Marcus Fernández

A pasada noite Microsoft realizou unha presentación centrada na súa gama de produtos Surface aproveitando o lanzamento da actualización de outubro de Windows 10, aínda que os novos equipos informáticos só chegarán a EE.UU. e Reino Unido antes de rematar do ano, de xeito que teremos que agardar a 2019 para velos en España de xeito oficial.
A familia de tabletas máis veterana de Microsoft chega á súa sexta iteración, e así temos a Surface Pro 6, tableta con peaña que agora integra procesadores Intel de 8ª xeración e catro núcleos que supón unha mellora de velocidade de máis do 67% fronte á xeración anterior.
Os primeiros portátiles ordinarios de Microsoft estrean segunda xeración, sendo o Surface Laptop 2 unha actualización bastante conservadora, que supón basicamente a integración de procesadores Intel Core de 8ª xeración, acelerando a velocidade dos equipos até un 85%, mantendo autonomía.
Un detalle que si cambia nos dous equipos anteriores é que agora será posible adquirilos tamén cun acabado en cor negra, adaptándose así aos diversos gustos dos usuarios.
O equipo sobre o que había máis interese tamén renovouse, e así temos o Surface Studio 2, un impresionante ordenador de sobremesa todo-en-un con pantalla táctil e soporte de lapis dixitalizador que pode abaterse para transformarse nunha tableta gráfica que poida ser de grande utilidade para usos creativos. Esta revisión engade gráficas de nova xeración, co que conseguen unha mellora de rendemento dun 50%. A pantalla tamén é agora un 38% máis brillante e cun 22% máis de contraste.
E a sorpresa da xornada foron, sen dúbida, os Surface Headphones, uns auriculares pechados con cancelación de ruído que ofrecen unha grande experiencia sonora e permiten tamén tirar proveito do asistente persoal de Windows, mentres que a súa estética casa cos produtos da gama Surface. O seu prezo de mercado será duns 349 euros e aínda que esteamos ante un produto optimizado para Surface, pode libarse con calquera dispositivo Bluetooth (ou sexa, que podemos ter os auriculares enlazados co smartphone e co ordenador ao mesmo tempo).
No mercado estadounidense tamén lanzan Surface All Access, unha oferta de financiamento da compra de equipos Surface con accesorios e subscrición a Office 365 que parte de 24,99 dólares/mes, na liña do que hai pouco fixeron con Xbox One.

Os Surface Headphones conta con son sen fíos e cancelación de ruído activa
O Surface Studio 2 pode empregarse como unha tableta gráfica para traballos creativos

PUBLICIDADE