Microsoft presenta unha manchea de equipos informáticos e accesorios

xoves, 13 de outubro do 2022 Marcus Fernández

Microsoft presentou toda unha serie de equipos e accesorios de hardware que irán chegando ao mercado nos vindeiros meses, e que principalmente veñen a dar continuidade a equipos anteriores, refinando prestacións e adaptándose ás demandas dos consumidores. Temos así como o Surface Laptop 5 e o Surface Pro 9 son equipos que basicamente collen o relevo dos seus modelos anteriores basicamente incrementando o seu rendemento até un 50%, mentres que o Surface Studio 2+, orientado a deseñadores, multiplica por dous o seu rendemento gráfico.
O Surface Laptop 5 chegará ao mercado o vindeiro día 25 a un prezo que parte dos 1.179 euros, atendendo ás necesidades dos usuarios que precisan de portátiles cun formato tradicional, aínda que cunha pantalla táctil de 13,5 ou 15 polgadas.
Para os que prefiren o formato tableta chega o Surface Pro 9, que verá a luz o 8 de novembro cun prezo que parte dos 1.299 euros, e desta volta contará con versión con conectividade 5G e procesador Qualcomm SQ 3 (que con 8 GB de RAM e 256 GB de SSD terá un prezo de 1.659 euros).
Os novos Surface Studio 2+ son equipos moi atractivos para os deseñadores pola súa versatilidade grazas á súa pantalla táctil abatible de 28 polgadas compatible co uso de lapis dixitalizador. Estes equipos funcionan cun procesador Intel Core i7-11370H, 32 GB de RAM, 1 TB de SSD e gráfica nVIDIA GeForce RTX 3060 con 6 GB de GDDR6, e chegarán o 1 de novembro ao mercado a un prezo que parte dos 5.369 euros.
Pero os produtos máis interesantes da presentación de Microsoft serán para moitos os accesorios que chegarán en breve ao mercado, como as solucións de accesibilidade que poden contribuír a que persoas con eivas físicas poidan manexar equipos informáticos. Falamos concretamente do novo rato adaptable de Microsoft e do centro adaptable de Microsoft, que poden facer as funcións dun rato e dun teclado, mellorando a accesibilidade dos equipos informáticos grazas aos seus elevados niveis de personalización.
Para o público máis xeral chegará o Microsoft Presenter+ (un mando para realizar presentacións en persoa e en xuntanzas en liña) e o curioso Microsoft Audio Dock (dispositivo que se conecta por USB-C a un equipo informático ao que incluso pode alimentar electricamente e que pode facer á vez de concentrador de portos USB e HDMI, de altofalante e de micrófono, conseguindo así reducir os cables no escritorio).

O Microsoft Presenter+ é o novo mando a distancia para realizar presentacións de PowerPoint

PUBLICIDADE