Microsoft sinala que chegou co seu Programa de Linguas Locais a 1.700 millóns de persoas
mércores, 22 de febreiro do 2012
Este martes 21 celebrouse a nivel internacional o Día da Lingua Materna, cuestión que sobre o papel non ten moito que ver coas novas tecnoloxías pero que, con todo, colle de preto a todas aquelas empresas, organizacións e asociacións do sector que traducen os programas informáticos, propios ou alleos, ás linguas dos usuarios potenciais. O Día da Lingua Materna é festexado cada ano por empresas como Microsoft, a través de accións como a achega do seu programa Local Language Program (LLP), iniciativa global para ofrecerlle á comunidade de usuarios tecnoloxía no idioma de seu. O programa, que segundo conta Microsoft beneficia a 1.7000 millóns de persoas de todo o mundo, asenta os seus obxectivos en “preservar as linguas locais e as identidades culturais”.
A iniciativa Local Language Program, sinala a multinacional, lanzouse en España hai case dúas décadas, “atendendo á riqueza cultura e lingüística do país” (cuns 17 millóns de persoas falando, amais de castelán, outra lingua oficial do Estado), o que se materializou na adaptación ao éuscaro, galego, catalán e valenciano dos programas principais de Microsoft. A iniciativa, lembra a empresa, motivou que recibira o Premio á Promoción da realidade plurilingüe do Estado español, outorgado polas institucións encargadas da política lingüística de Euskadi, Catalunya, Galicia e Illes Balears.
Por certo que para amosar perante o mundo as vantaxes deste esforzo para a sociedade galega, Microsoft publicou na súa web un informe sobre o traballo desenvolvido en colaboración co Centro Intregado de Formación Profesional Politécnico de Santiago.