Mighty Vibe, novo reprodutor musical para tirar un maior proveito de Spotify Premium

martes, 16 de outubro do 2018 Marcus Fernández

O ano pasado, e grazas a ter trunfado na súa campaña de micromecenado para acadar financiamento, converteuse en realidade un reprodutor musical compacto chamado Mighty, cun formato semellante ao iPod shuffle, pero destacando polo feito de sacar a súa música da nosa subscrición de pagamento de Spotify (xa que a reprodución realízase fóra de liña).
Estamos ante un produto orientado principalmente a usuarios que queren levar enriba máis dun milleiro de cancións (conta con 8 GB de almacenamento) mentres practican deporte, non só porque o reprodutor conta cun deseño compacto e cunha pinza traseira para poder prendelo na roupa, senón porque tamén inclúen conectividade Bluetooth, de xeito que podemos usalo con auriculares sen fíos, evitando así as molestias dos cables.
Ante a aceptación deste trebello, tocaba a súa renovación, e así temos agora o Mighty Vibe, novo modelo do reprodutor musical de Spotify, que mellorou a súa autonomía até superar as 5 horas de reprodución (por Bluetooth e auriculares), unha antena redeseñada (para mellor conectividade Bluetooth), novo software de Bluetooth (mellorando a compatibilidade con outros dispositivos sen fíos) e cunha nova aplicación móbil (que fai máis doado o seu manexo para a sincronización musical co reprodutor).
Tamén permite actualizacións automáticas cada noite (aparte de Bluetooth inclúe Wi-Fi), para que teñamos sempre dispoñibles listaxes de reprodución frescas, entre as que podemos incluso movernos ditando o seu nome se os nosos auriculares teñen micrófono.
O reprodutor pode mercarse xa a un prezo de 85,99 dólares, que con gastos de envío (por USPS) quedaría en 87,19 euros, estando dispoñible en cor negra, azul e vermella.

O Mighty Vibe conta cunha aplicación (para iOS e Android) que facilita a sincronización da nosa música de Spotify co reprodutor para a súa reprodución fóra de liña
O reprodutor Mighty Vibe soporta salpicaduras e suor

PUBLICIDADE