Mirror’s Edge e Assassin’s Creed Chronicles: China destacan entre os Xogos con Gold de setembro

mércores, 24 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Contra todo prognóstico, Microsoft continúa a ofrecer unha selección de xogos sen cargo adicional aos subscritores de Xbox LIVE Gold cunha calidade máis que aceptable, desmarcándose considerablemente da tendencia polos xogos independentes de PlayStation Plus, e sorprendendo de xeito moi agradable coa súa escolma do mes de setembro que comeza co descoñecido Earthlock: Festival of Magic (xogo de rol de Snowcastle Games que se estrea directamente en Xogos con Gold) o que compénsase sobradamente a partires do día 16 incluíndo Assassin’s Creed Chronicles: China (primeira entrega da triloxía Assassin’s Creed Chronicles que converteuse en todo un referente, e que demostrou que este spin-off da saga principal pode destacar por méritos propios grazas ao seu coidado deseño).
A oferta de xogos para Xbox 360 (que tamén poden xogarse na Xbox One grazas á retrocompatibilidade) é especialmente boa este mes, xa que durante a primeira metade entrega o xa clásico de condución Forza Horizon e completa o mes con Mirror’s Edge, xogo de plataformas e parkour que demostrou que o seu xénero podía contar con innovacións, e que hai pouco estreou unha especie de reboot da saga, como un xeito de traela ás consolas de nova xeración volvendo a contar a historia cun enfoque lixeiramente diferente (en vez de optar por unha manida secuela directa).

Vídeo promocional dos Xogos con Gold do mes de setembro

PUBLICIDADE