Modern Warfare 2 impresiona coas súas edicións para coleccionistas

martes, 14 de xullo do 2009 Marcus Fernández

A continuación de Call of Duty 4: Modern Warfare que chegará baixo o título de Modern Warfare 2 (deixando a marca Call of Duty nun segundo plano, para non confundir o novo título coa 5ª entrega da saga, ambientada na Segunda Guerra Mundial) e durante a pasada edición do E3 captou moita atención, dando a entender que vai ser un dos principais lanzamentos de cara á campaña de Nadal, polo que non debería sorprender que Activision e Infinity Ward estean a preparar varias edicións especiais para contentar aos seguidores máis acérrimos deste tipo de xogos.
Non faltarán versións básicas do xogo para PC, PlayStation 3 e Xbox 360, pero tamén existirán versións de coleccionista (aínda que non para PC) que serían a Hardened Edition e a Prestige Edition, que incluirían complementos atractivos que elevan o prezo de venda, pois o xogo básico custará uns 59,99 dólares e a edición Hardened chegaría aos 79,99 dólares por incluír caixa metálica, un libro de ilustracións e un código de descarga para o Call of Duty orixinal (adaptado á PS3 e Xbox 360 dende o xogo orixinal para PC); mentres que a versión Prestige, que está a resultar sumamente rechamante, aínda non ten un prezo fixado, pero será prohibitivo, xa que aparte dos elementos da edición Hardened tamén incluirá unhas lentes de visión nocturna, converténdose nun dos accesorios incluídos nunha edición de coleccionista máis impresionantes que se viron nunca, e que xa podemos ver nun vídeo de presentación:

PUBLICIDADE