Moment estrea accesorios con MagSafe para os iPhone 12

luns, 2 de novembro do 2020 Marcus Fernández

A incorporación de MagSafe nos iPhone 12 vai moito máis aló de facilitar a carga sen fíos dun xeito máis práctico, e abre a porta a numerosos accesorios novos, o que aproveitan dende Moment para estrear toda unha serie de complementos para os novos iPhone.
Aparte de toda unha serie de fundas para os novos iPhone que facilita o uso das lentes de Moment e que son compatibles con MagSafe, o realmente rechamante dos novos produtos é unha configuración de imáns deseñada por Moment á que chaman (M)Force e que promete unha forza extra á hora de enganchar accesorios ao iPhone, que funcionan co móbil con ou sen funda.
O accesorio con MagSafe máis básico de Moment sería un disco adhesivo para poder fixar o teléfono nunha superficie lisa (como unha parede); na mesma liña terían tamén un sistema para poder enganchar o iPhone ás reixas de ventilación dun automóbil; a mesma solución serviría para engadir unha zapata a un lateral do teléfono (para colocar accesorios como micrófonos ou fachos); e finalmente terían unha serie de solucións para poder facer uso de distintos trípodes. En definitiva, accesorios que substitúen as clásicas pinzas para suxeitar smartphones por fortes imáns, o que resulta máis cómodo e menos agresivo para o dispositivo móbil.

PUBLICIDADE