Monitor de Acer compatible con fontes de vídeo 3D

mércores, 15 de decembro do 2010 Marcus Fernández

Como porta de entrada das 3D nos fogares hai tempo que temos monitores informáticos compatibles con tecnoloxías como a nVIDIA GeForce 3D Vision, pero agora Acer vai un paso máis adiante co seu monitor HS244HQ, que cun tamaño de 23,6 polgadas e unha resolución de 1.920 x 1.080 píxeles, conta cunha entrada HDMI compatible con sinais 3D de dispositivos como unha consola PlayStation 3, un reprodutor de Blu-ray 3D ou incluso unha cámara de vídeo estereoscópico, que chega ao mercado, incluíndo lentes 3D activas, a un prezo de 399 euros.
O novo monitor sería así apto tanto para os xogos como para as películas 3D, contando cunha resolución Full HD (algo que ata o momento tiñan poucos monitores deste tipo), así como tamén incorpora tecnoloxía de obturación 3D que evita a caída de brillo do monitor cando vemos imaxes estereoscópicas (o que podía ocasionar mareos tras un uso prolongado), converténdose nunha opción ideal para os usuarios que queiran introducirse nesta tecnoloxía (pois o seu prezo é considerablemente inferior ao dos televisores 3D destinados ao salón doméstico).

PUBLICIDADE