Moto G9: un móbil moi completo a un prezo moi axustado

luns, 24 de agosto do 2020 Marcus Fernández

Aínda que Motorola xa non ten a presenza comercial doutros tempos, a marca propiedade de Lenovo continúa a lanzar smartphones bastante atractivos e equilibrados, sendo o seu vindeiro lanzamento o Moto G9, que estrearase o 31 de agosto na India a un prezo de 11.499 rupias (131 euros), de xeito que está ao alcance dun público moi amplo.
O Moto G9 funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 662 e 4 GB de RAM, polo que é dabondo para os usos máis habituais; o seu almacenamento de 64 GB pode ampliarse mediante tarxetas de memoria microSD de até 512 GB; está equipado cunha pantalla IPS HD+ de 6, polgadas cunha pestana superior para unha cámara frontal de 8 Mpíxeles; na traseira confórmase cunha cámara tripla cun sensor principal de 48 Mpíxeles que busca conseguir boas imaxes de 12 Mpíxeles agrupando os píxeles de 4 en catro, á vez que tamén conta con modo de visión nocturna e unha apertura de f/1.7; e na súa traseira ten lector de impresións dixitais (agochado no logotipo de Motorola).
Como puntos a destacar deste móbil temos detalles como que conta con conector para auriculares (algo cada vez menos frecuente), a súa xenerosísima batería de 5.000 mAh (que promete autonomía para 2 días) acepta carga rápida a 20 watts, ten un botón específico para invocar ao asistente de Google e, para sorpresa nun smartphone deste prezo, tamén inclúe NFC para realizar pagamentos sen contacto.

O Moto G9 venderase en dúas cores distintas

PUBLICIDADE