Moto Stream leva a música do móbil aos nosos altofalantes domésticos

martes, 3 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Para facer cómoda e doada a escoita de música dende o noso móbil a través de equipos musicais que xa teñamos no fogar dende Motorola propoñen un novo dispositivo chamado Moto Stream, que vén a ser un receptor Bluetooth 3.0 que pode conectarse a até 5 dispositivos á vez (que poden ser smartphones, tablets ou ordenadores) dende os que enviarlle a música que teñamos nos mesmos ou a través de servizos en liña como Spotify, coa comodidade de poder facer todo isto sen fíos e a un prezo relativamente económico: esta solución só custa 49,99 dólares (36,71 euros).
O Moto Stream pode comunicarse sen fíos con dispositivos que estean a unha distancia de até 90 metros, sendo doada a súa sincronización grazas a que conta con NFC (o que permite a conexión con só tocar o curioso trebello co noso dispositivo móbil), e para incrementar o seu atractivo conta cun modo de funcionamento chamado Heist, que converte aos altofalantes que teñamos conectados nunha plataforma social, na que calquera das persoas conectadas pode elixir a música que se escoita a cada momento.
O Moto Stream mide 69 x 60 x 57 milímetros, pesa 100 gramos, conéctase aos altofalantes mediante conectores mini jack ou RCA, aliméntase a través de micro USB e é compatible con teléfonos con Android, iOS e Windows Phone (dada a universalidade do Bluetooth). Sairá á venda este mesmo venres nos EE.UU.

O Moto Stream pode vincularse co móbil cun único toque grazas á integración de NFC


Vídeo de presentación do Moto Stream

PUBLICIDADE