Motorola Charm: un móbil con Android compacto e con teclado QWERTY

xoves, 8 de xullo do 2010 Marcus Fernández

Cunha aparencia moi semellante á dun terminal BlackBaerry chega o Motorola Charm, un smartphone con teclado QWERTY e sistema operativo Android 2.1, que sorprende ao agochar na súa parte traseira un touchpad que axudará na navegación (principalmente en formularios). Conta cunha pantalla de 2,8 polgadas cunha resolución de 320 x 240 píxeles e tecnoloxía Gorilla Glass; o seu procesador Texas Instruments OMAP 3410 vai a 600 MHz, goza de 512 Mbytes de RAM, cámara de 3 Mpíxeles con Flash e batería de 1.170 mAh. Tampouco lle faltan Wi-Fi N, USB 3.0, conector para auriculares estándar, GPS, compás dixital, tecnoloxía CrystalTalk PLUS para a cancelación de ruído mediante un segundo micrófono, lector de tarxetas de memoria microSD de ata 32 Gb (inclúe unah de 2 Gb) e a interface de usuario Motoblur.
O Motorola Charm é un dos móbiles con Android máis cativos do mercado, cunhas medidas de 67,2 x 98,4 x 11,4 milímetros e cun peso de 110 gramos, estando dispoñible en dúas cores (bronce dourado e cabernet). É de agardar que chegue ao mercado a finais do verán, cando menos nos EE.UU.

O Motorola Charm integra un touchpad na súa parte traseira

PUBLICIDADE