Motorola presenta o seu terminal con Android

venres, 11 de setembro do 2009 Marcus Fernández

Este Nadal parece que será o momento no que quedará claro que o sistema operativo móbil Android non é sinónimo de terminais fabricados por HTC, e tras o Samsung Galaxy anuncian o Motorola DEXT, o primeiro terminal con Android de Motorola que chegará a España da man de Telefónica e que nos EE.UU. venderá T-Mobile este outono baixo o nome de Motorola CLIQ.
Este terminal inclúe un teclado QWERTY deslizante, polo que sería o equivalente de Motorola do HTC Dream, ao que mellora en autonomía (cunha batería de 1.420 mAh), na cámara (incorpora unha de 5 Mpíxeles con enfoque automático e capacidades de vídeo) e conector para auriculares de 3,5 milímetros, á vez que conta cun formato máis compacto e atractivo, o que fai que a súa pantalla táctil cunha resolución de 480 x 320 píxeles sexa lixeiramente máis cativa (mide 3,1 polgadas).
O Motorola DEXT conta con conectividade HSPA/3G, Wi-Fi e Bluetooth, conector microUSB 2.0, A-GPS, compás, acelerómetro, sensor de luz ambiental, sensor de proximidade, e lector de tarxetas microSD de ata 32 Gb. As súas dimensións son de 114 x 58 x 15,6 milímetros e pesa 163 gramos.
Se ben HTC está a integrar nalgúns dos seus terminais a capa gráfica HTC Sense, Motorola fai o propio con MotoBlur, facilitando a sincronización de contactos, correo electrónico, multimedia e redes sociais no terminal.
Hai que recoñecer que as semellanzas do Motorola DEXT co HTC Dream fan complicado que este terminal ten un grande éxito (especialmente porque en moitos países coma EE.UU. ou España os comercializa a mesma operadora) e xa hai que comenta que este terminal será irrelevante, o que claramente sería unha mala nova para Motorola, fabricante que noutro tempo era líder en vendas, e que leva un tempo sen destacar.

O Motorola DEXT e o HTC Dream son excesivamente semellantes en prestacións técnicas

PUBLICIDADE