Motorola vende en China un ordenador todo-en-un baseado en Android

venres, 14 de setembro do 2012 Marcus Fernández

O provedor de telecomunicacións chinés WASU Digital Group vai comezar a comercializar como solución de servizos de lecer para o fogar o equipo HMC3260 de Motorola Mobility (tamén coñecido como CloudBB), que vén a ser un ordenador todo-en-un co sistema operativo Android, con pantalla LED de 18,5 polgadas, que orienta o seu funcionamento á nube e que fai que os consumidores poidan acceder de xeito doado á televisión dixital, películas, xogos, navegación web, aplicacións e outros sservizos á carta baseados en tecnoloxía de cable.
Este curioso equipo está baseado nun procesador ARM Cortex A8 a 1 GHz, ten 1 Gb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno, pantalla LED de 18,5 polgadas cunha resolución de 1.366 x 768 píxeles, Android 2.3.4 e conectividade Ethernet e USB 2.0. Non estariamos ante un sistema moi potente, pero pode entenderse como un xeito económico de achegar a Rede aos fogares, que está por ver se o adaptarán outras compañías fóra de China.

Esta especie de ordenador pode ser unha boa solución para acceder á Rede e consumir contidos multimedia sen realizar un elevado investimento en hardware

PUBLICIDADE