Mulleresengalicia.es: nova páxina web a prol da igualdade

venres, 16 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

Marta González presentando a nova web

A Xunta vén de pór en marcha unha nova web de acción social. Máis polo miúdo, trátase de mulleresengalicia.es, unha páxina que vai dirixida a fomentar a igualdade e a defensa dos dereitos das cidadás galegas. O sitio, que vén da man da Secretaría Xeral de Igualdade, xorde en palabras da responsable deste departamento, Marta González, con vontade de ser unha “ferramenta útil para tódalas persoas”, tanto no que se refire a achegar os recursos que pon en xogo a Secretaría Xeral neste eido da igualdade, como no que atinxe a comunicar as restantes iniciativas que no plano da empresa ou da cultura se están a desenvolver na nosa terra a prol do impulso á figura da muller.
En definitiva, o obxectivo deste departamento da Xunta é acadar unha páxina que vaia alén da simple exposición dun obxectivo e un programa institucional, “converténdose nun punto de encontro para todas as persoas, mulleres e homes, que viven na comunidade e que estean interesadas en acadar unha sociedade máis igualitaria”.
O sitio, informou Marta González, está estruturado en tres eixos principais, unha parte destinada a área de igualdade da Xunta (situada na parte superior da páxina, incluíndo información, convocatorias, axudas e recursos deste departamento), outra a informar sobre os asuntos ligados á igualdade e coas mulleres que poidan interesar ás usuarias (no lado esquerdo da web, empregando unha linguaxe máis próxima) e unha terceira destinada á documentación (na beira dereita), abranguendo entre outras cousas unha biblioteca de recursos sobre igualdade, tanto no eido galego como fóra del.

PUBLICIDADE