Musaic quere achegar sen fíos son de alta fidelidade a calquera curruncho do fogar

luns, 31 de marzo do 2014 Marcus Fernández

As solucións de altofalantes conectados son cada vez máis habituais, para poder acceder a servizos musicais en liña ou a música achegada dende equipos informáticos e dispositivos móbiles, e aínda que existen moitos produtos deste tipo no mercado, resulta difícil satisfacer a diversidade escenarios dende os que se demanda este tipo de tecnoloxía, especialmente no que a prezos se refire, de aí que unha destas propostas chegue a través de Kickstarter, plataforma moi atinada para buscar un público inicial mínimo e así facer rendible o lanzamento comercial do produto á vez que financiar os procesos finais que permitan levar ao mercado este proxecto.
A británica Musaic está así a buscar xuntar 60.000 libras esterlinas para facer realidade o sistema musical de alta fidelidade sen fíos da súa marca, que consistirá en altofalantes con Wi-Fi e Bluetooth que poderán controlarse a través de aplicacións para ordenadores (PC e Mac) e dispositivos móbiles (con Android e iOS).

Musaic tamén comercializará un soporte para facilitar o uso de tablets en combinación cos seus reprodutores musicais (a un prezo de 25 libras, uns 36 euros con portes).

Non estamos só ante uns altofalantes sen fíos, senón que esta solución tamén conéctase á Rede para acceder a servizos como Grooveshark, Rhapsody, Napster, TuneIn... e a numerosas emisoras de radio en liña. Amais, tamén é posible integrar varios altofalantes no mesmo fogar, para escoitar distintos contidos en cada un ou o mesmo contido en todos. De cara á súa integración no fogar, tamén inclúen a tecnoloxía LightwaveRF, para permitir o control e regulación da iluminación doméstica (sendo tamén compatible con outras solucións de domótica).
Para adaptarse aos distintos currunchos da casa, os reprodutores Musaic chegan en dous modelos distintos: o cativo MP5 de 34,3 x 12,4 x 9,5 centímetros e unha potencial de 36 watts; e o MP10 de 41,2 x 14,6 x 11,5 centímetros cunha potencia de 60 watts. Parten de prezos de 160 e 230 libras esterlinas respectivamente (208 e 293 euros con portes incluídos).
Os dispositivos de Musaic soportan son en ficheiros estándar como MP3 ou AAC, así como en formatos sen compresión como WAV, FLAC, AIFF e ALAC, permitindo así unha reprodución de alta calidade de ata 192 KHZ a 24 bits. Aparte de Wi-Fi, tamén teñen conectividade Ethernet.
Espérase que estes produtos, que avanzan a bo ritmo cara a completar o seu financiamento, poidan remitirse aos seus mecenas a partir do mes de setembro.


Vídeo de presentación do sistema musical sen fíos de Musaic

PUBLICIDADE