Musk converte o lanzamento da campaña presidencial de Ron DeSantis nun DeSastre

xoves, 25 de maio do 2023 Marcus Fernández

Pese a que Elon Musk aseguraba certa independencia política, os seus actos non fan máis que contradicir o seu discurso, e que organizase un Espazo en Twitter para que o gobernador de Florida, Ron DeSantis, presentase a súa candidatura á presidencia dos EE.UU. deixou aínda máis clara a intención de Musk de converter Twitter nun espazo na Rede no que domine a dereita política.
Pero o que pretendía ser un momento histórico, rematou converténdose no que os medios describiron xocosamente como DeSastre, xa que a sala de Twitter Spaces que abriu Elon Musk para conversar con DeSantis non tivo máis que problemas técnicos, que ían dende acoples no micrófono de Musk até a caída da sala do gobernador. Tras moitos silencios e fallos constantes, que duraron máis de vinte minutos, optouse por pechar a sala, e abriron un novo Espazo dende a conta de David Sacks (podcasteiro afín a Musk) no que durante algo máis dunha hora conversaron con Ron DeSantis e xuntaron a preto de 150 mil oíntes.
Chegaron a dicir que os problemas técnicos eran culpa de que Musk tiña demasiados seareiros, e incluso presumiron de ter organizado a meirande sala creada nunca en redes sociais (afirmación que non se axusta en absoluto á verdade), pero o que quedou claro é que na actualidade Twitter Spaces é un servizo moi deficiente, o que poden constatar moitos organizadores de espazos periódicos, que suspenderon estas actividades ante a imposibilidade de manter a periodicidade pola acumulación de problemas técnicos que ían dende as caídas constantes de usuarios (que nalgúns casos era o propio anfitrión) até problemas co son.
A presentación de DeSantis non foi só un fracaso a nivel técnico, senón tamén de cara ao público, xa que dende a propia conta de Joe Biden fixeron burla publicando unha ligazón que funciona e incluso o equipo de Donald Trump fixo unha parodia da sala de Twitter Spaces. Para rematar de confirmar que a sala de audio foi un fracaso, DeSantis publicou un vídeo tradicional de presentación de campaña, que tivo moito maior impacto, e que claramente conecta mellor cos cidadáns, que están moi lonxe de adoptar masivamente o chamado social audio.

PUBLICIDADE