My Passport Pro, o RAID portátil para equipos con conectividade Thunderbolt

venres, 28 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Para poder aproveitar ao máximo a tecnoloxía Thunderbolt 2 LaCie lanzou hai pouco a súa unidade LaCie Little Big Disk, que integra 2 unidades SSD no seu interior para poder conseguir grandes velocidades de transferencia de datos en equipos como o novo Mac Pro, e como resposta a este dispositivo, dende Western Digital presentan o novo My Passport Pro, que promete ser a primeira solución de disco duro dual portátil que funciona con Thunderbolt e que ofrece aos profesionais creativos e amantes da tecnoloxía o máis alto rendemento e capacidade nunha solución realmente móbil por poder alimentarse a través de USB e ofrecerse en capacidades de 2 e 4 Tb.
Este sistema permite elixir a funcionalidade RAID para os sistemas Mac sen precisar de adaptadores de corrente ou cables adicionais, detalle que agradecerán enormemente fotógrafos, editores de vídeo, músicos, deseñadores, arquitectos... profesionais que traballen en mobilidade, e que precisen dun sistema de almacenamento rápido, fiable e portátil.
O My Passport Pro ofrece velocidades de ata 233 Mbytes/seg., integra 2 discos duros de 2,5 polgadas nunha carcasa de aluminio, pode configurarse como RAID 0 (grande velocidade) ou RAID 1 (grande seguridade) e, aparte de Thunderbolt, tamén conta con conexións FireWire 800 e USB 3.0.
En breve estará dispoñible en tendas de Apple e distribuidores de electrónica de consumo a prezos de 349 e 499 euros nas súas capacidades de 2 e 4 Tb respectivamente.

PUBLICIDADE