Need for Speed: Hot Pursuit Remastered sairá á venda nun mes

luns, 5 de outubro do 2020 Marcus Fernández

O xogo de condución Need for Speed: Hot Pursuit conseguiu deixar unha profunda pegada hai unha década, recibindo numerosos galardóns e sendo considerado como un dos mellores xogos de condución dos últimos anos, e para celebrar o seu décimo aniversario confirma que o vindeiro 6 de novembro chegará a PC, PlayStaton 4 e Xbox One unha versión remasterizada que unha semana máis tarde contará tamén con versión para Nintendo Switch, permitindo que xogadores da anterior xeración de consolas poidan gozar dun grande éxito da anterior xeración.
Need for Speed: Hot Pursuit Remastered contará con importantes melloras gráficas, e aínda que a versión de Switch estea limitada a Full HD a 30 imaxes por segundo (ao igual que as versións base de consolas domésticas) en ordenador persoal e consolas avanzadas (PS4 Pro e Xbox One X) será posible elixir entre xogar a 4K a 30 imaxes por segundo ou Full HD a 60 imaxes por segundo. Todas as versións inclúen melloras en reflexos e texturas, maior número de partículas e incluso unha interface de uso actualizada, que chegará coa garantía do bo facer de Stellar Entertainment, estudio formado con talento de Criterion que estivo detrás do aclamado Burnout Paradise Remastered.
Un dos detalles máis interesantes deste lanzamento é que contará con xogo cruzado, ou sexa, que os usuarios das distintas consolas poderán competir entre si en liña e, para quen prefira o xogo asíncrono, tamén recupera o seu revolucionario sistema de Autolog (tamén multi-plataforma), que permite compararnos cos nosos amigos aínda que non poidamos coincidir en horario para xogar.

Tráiler de presentación de Need for Speed: Hot Pursuit Remastered

PUBLICIDADE