Nest presenta unha cámara de vixilancia doméstica cun sensor 4K

mércores, 31 de maio do 2017 Marcus Fernández

O vindeiro 13 de xuño espérase que se abran as reservas en España da nova Nest Cam IQ, unha cámara de vixilancia doméstica que aposta pola resolución e a intelixencia, de xeito que é capaz de distinguir ás persoas dos obxectos e, no caso de subscribirnos ao servizo Nest Aware, incluso pode recoñecer caras, alertándonos se entra algún descoñecido no fogar, ou podendo avisar tamén, por exemplo, cando os pequenos volven da escola.
Para conseguir isto a Nest Cam IQ non só ten un potente procesador, senón que tamén destaca pola tecnoloxía Supersight, que consiste en contar cun sensor de 4K (8 Mpíxeles) do que seleccionarase un segmento Full HD, ou sexa, que facilítase a realización de zoom á acción sen perder calidade, xa que poderemos realizar un recorte dunha imaxe con catro veces a resolución da visualizada.
Outro detalle interesante desta cámara é que integra 3 micrófonos para captar ben o son, pero tamén conta cun potente altofalante, o que permite comunicarse coas persoas que estean no fogar ou incluso facer fuxir a posibles intrusos.
A cámara de Nest ten unhas dimensións de 12,4 x 7,4 x 7,4 centímetros, 357 gramos de peso, un cable de alimentación de 3 metros de lonxitude e conectividade Bluetotoh 4.0 e Wi-Fi AC de dobre banda (recoméndase o seu uso con conexións de banda larga doméstica cun mínimo de 2 Mbps de velocidade de subida para poder ver as imaxes captadas pola cámara en remoto). A cámara pode gravar vídeo en Full HD a 30 imaxes por segundo con HDR e o seu campo de visión é de 130 graos. Só é apta para interiores e o seu punto forte é a súa facilidade de uso, mentres que como atranco temos que o seu prezo de venda será de 349 euros aos que habería que engadir 100 euros/ano no caso de querer gozar de Nest Aware (contando así cun historial de vídeo na nube e alertas intelixentes).

Vídeo promocional da Nest Cam IQ

PUBLICIDADE