Nest presenta unha cámara para exteriores

xoves, 14 de xullo do 2016 Marcus Fernández

A compañía especialista en domótica adquirida por Google hai un par de anos, Nest, quere reinventar as cámaras exteriores, e presenta a súa nova Nest Cam Outdoor, unha cámara de seguridade para colocar no exterior da nosa vivenda que é resistente á auga, capta vídeo Full HD e conta coas mesmas prestacións que as cámaras de Nest para interiores (como alertas de actividade).
Mentres outras cámaras limítanse a disparar alertas cando detectan movemento, a cámara de Nest é capaz de recoñecer persoas (de xeito que as diferenciaremos, por exemplo, de cans ou gatos) e outras actividades, de xeito que os avisos que recibiremos serán de maior utilidade, o que é posible grazas á integración das tecnoloxías de intelixencia artificial de Google.
A cámara ten un ángulo de visión e 130 graos e incluso conta con visión nocturna, e para unha maior utilidade cando non esteamos no fogar e queiramos interactuar con algunha visita, ofrece son bidireccional de xeito que, por exemplo, poderiamos agradecer ao carteiro a entrega dun paquete ou indicarlle onde deixalo. A interacción coa cámara pódese realizar comodamente a través dunha aplicación móbil para iOS e Android
Polo momento este produto non se comercializa en España, e cómpre salientar que este tipo de produto está asociado a servizos para tirar un bo proveito do mesmo, de xeito que os subscritores de Nest Aware poderán gozar de gravación continua as 24 horas, almacenamento na nube e alertas intelixentes. O produto estará dispoñible nos EE.UU. e Canadá a partires do outono a un prezo de 199 dólares e as subscricións a Nest Aware custan 10 dólares por 10 días ou 30 dólares por 30 días.

A cámara conta con son bidireccional para permitir conversar a distancia

Vídeo de presentación da nova cámara exterior de Nest

PUBLICIDADE