Netflix tomará medidas contra as contas compartidas en España

mércores, 8 de febreiro do 2023 Marcus Fernández

Netflix leva meses anunciando aos seus accionistas que ía tomar medidas contra os máis de 100 millóns de fogares que comparten as contas da plataforma de streaming, realizando probas das medidas para mitigar a situación en Chile, Costa Rica e Perú. Pero agora a cousa ponse seria, e comezan a limitar compartir contas en Canadá, Nova Zelandia, Portugal e España.
A compañía asegura que o que están a facer é dar un maior control das contas aos usuarios, insistindo en que as subscricións de Netflix están enfocadas a persoas que viven baixo o mesmo teito (cando durante os últimos anos eran eles mesmos os que promovían compartir conta).
Baixo este novo escenario Netflix vai permitir que os usuarios poidan configurar cal é a súa localización principal; facilita que os subscritores poidan controlar quen accede á súa conta; ten dende hai uns meses unha ferramenta para que os usuarios poidan segregar o seu perfil a unha subscrición independente; seguen a permitir o uso de Netflix cando se estea de viaxe; pero finalmente incorporan aos plans Estándar e Premium a posibilidade de engadir subcontas para 2 persoas como máximo coas que non se conviva, que terían nome de usuario e contrasinal de seu, a un custo adicional de 5,99 euros/mes por persoa.
Deste xeito, temos que compartir unha conta Premium con 2 persoas máis, que até o momento custaba 17,99 euros/mes, pasaría a custar 29,97 euros, o que claramente levará a moitos a repensar se mantén a súa subscrición a Netflix.
Aínda que a opción de comprar un pase de subscritor extra xa está dispoñible no panel de control de Netflix, queda por ver como serán as medidas que tomará a plataforma contra os usuarios que comparten contas actualmente, pois se son bastante laxas podería evitar baixas masivas.
Que a compañía de Reed Hastings estea a realizar as probas en países moi concretos distintos de EE.UU. son unha clara precaución coa que buscan comprobar o terreo antes de correr o risco de perder clientes no seu mercado principal.

Os pases para engadir usuarios adicionais por 5,99 euros/mes cada un só están dispoñibles nos plans Estándar e Premium

PUBLICIDADE