Never Alone chega a PC e Xbox One
mércores, 19 de novembro do 2014
Un dos
xogos máis interesantes do presente mes é Never Alone, un quebracabezas de
plataformas para 1 ou 2 xogadores creado en colaboración coa comunidade de
nativos de Alaska que explora o folclore tradicional dos Iñupiat do Ártico para
ofrecer unha experiencia sen igual na que controlaremos a unha moza e a un
raposo que deberán superar sucesivos desafíos e explorar perigosos contornos
árticos.
Nesa aventura poderemos coñecer figuras do folclore iñupiaq como os matahomes,
o seres ananos, os espíritos que axudan, o home da xistra e moitos máis,
seguindo a historia coa narración dun mestre contacontos en lingua iñupiaq,
algo inédito nun videoxogo comercial.
Never Alone pode mercarse para PC en Steam a un
prezo promocional de 13,49 euros, mentres que para Xbox One mantén o seu
prezo íntegro, e pode
mercarse por 14,99 euros. Os usuarios europeos de PlayStation 4 terán
que agardar até o 26 de novembro para poder adquirir este prometedor xogo,
pois non conseguiron que superase os procesos de certificación europeos a
tempo.
Trailer de lanzamento de Never Alone