Ni no Kuni II sae á venda

venres, 23 de marzo do 2018 Marcus Fernández

Hoxe chegou ás tendas Ni no Kuni II: Revenant Kingdom (O Renacer dun Reino), un agardado xogo do estudio xaponés Level-5 que contou coa participación de Yoshiyuki Momose (antigo animador do Studio Ghibli) e con música de Joe Hisaishi, e que por fin pode mercarse en versións para PlayStation 4 e PC (Steam).
Este xogo de rol xaponés conta as aventuras de Evan Pettyswhisker Tildrum, mozo gobernante de Ding Dong Dell, que tras ser derrocado contará coa axuda de Roland, Tani, Batu, Lofty e outros amigos que irán xurdindo ao longo dunha viaxe para levantar de novo un reino libre de conflitos.
Os xogadores poderán explorar un fermoso mundo cheo de lugares exóticos e cun grande abano de personaxes aos que enfrontase.
Apoiarán a Evan na súa aventura uns fenómenos naturais coñecidos como higgledies, que proporcionarán grande axuda durante as batallas, incluíndo vantaxes ofensivas e defensivas, aumentando o poder de ataque especial de Evan e os seus amigos e contribuíndo a vencer aos inimigos. Hai un cento de higgledies únicos que coleccionar, con cadanseus poderes especiais.
Ni no Kuni II: Revenant Kingdom conta con dous modos adicionais para que os xogadores participen a medida que avanzan na historia principal do xogo. Ao recuperar Evan a súa coroa no novo reino de Evermore, debe xestionar todos os aspectos da vida cotiá dentro das súas fronteiras. Os xogadores construirán tendas, granxas, barracóns e outras instalacións para promover a economía de Evermore e proporcionar novo equipamento a Evan e aos seus aliados a medida que se aventura máis no mundo. Evan tamén dirixirá un exército en batallas de escaramuzas. Estas batallas a grande escala contra outros exércitos porán a proba o poder militar de Evan.

Tráiler de lanzamento de Ni no Kuni II

PUBLICIDADE