NieR: Automata BECOME AS GODS Edition chega a Xbox One

martes, 26 de xuño do 2018 Marcus Fernández

En marzo do ano pasado chegou a PlayStation 4 e PC o xogo NieR: Automata, título ambientado nun mundo distópico no que os androides 2B, 9S e A2 loitan para recuperar o planeta tras unha invasión de alieníxenas mecanizados. Mesturando elementos de rol e acción conseguiron crear un xogo bastante completo, que xunto a unha historia fascinante valeulle o favor do público e a crítica, de aí que dende Microsoft non quixesen que o xogo estivese ausente da súa consola, e hoxe ve a luz nunha versión especial chamada NieR: Automata BECOME AS GODS Edition, que sae á venda a prezo reducido (49,99 euros).
A nova versión de NieR: Automata está optimizada para Xbox One X, de xeito que os posuidores de tal consola poderán velo en 4K con HDR, e tamén inclúe o DLC 3C3C1D119440927 (coas indumentarias traxe suxerente para 2B, traxe de mozo para 9S e traxe destrutor para A2) e, tras superar as misións secundarias, permite gozar no xogo atavíos de NieR Replicant. Tamén inclúe outros contidos como son: máscara máquina, Grimoire Weiss, Pod caixa, Pod retro gris e Pod retro vermello.
Temos así que os xogadores de Xbox One conseguiron ter por fin este xogo no seu catálogo, compensado o retraso en chegar con máis contidos e un prezo menor (lembremos que o prezo actual do xogo na súa edición básica é de 69,99 euros para PS4 e 59,99 euros para a versión de PC, na que o contido descargable incluíndo na nova versión tería un custo adicional de 13,99 euros).

O xogo chega preparado para gozar de gráficos 4K con HDR en Xbox One X

Tráiler de lanzamento de NieR: Automata BECOME AS GODS Edition

PUBLICIDADE