Nimbus Data anuncia unha unidade SSD de 100 TB

martes, 20 de marzo do 2018 Marcus Fernández

Mentres Samsung xa produce en masa unidades SSD de 30,72 TB de capacidade, a compañía Nimbus Data consegue collerlle a dianteira no que se refire a capacidade de almacenamento nunha unidade SSD e anuncia a súa ExaDrive DC100, a unidade SSD de maior capacidade producida até o momento, capaz de gardar 100 TB de datos, á vez que tamén presume dun consumo enerxético un 85% inferior por TB que outras unidades da competencia.
Este tipo de unidades buscan contribuír á adopción de unidades SSD para infraestruturas na nube e outros sistemas informáticos que tanto precisan de velocidade dos seus almacenamentos de datos como a posibilidade de gardar grandes volumes de información.
Esta unidade chega en formato de 3,5 polgadas e con interface SATA, ou sexa, que sería do mesmo tamaño que un disco duro dun ordenador de sobremesa, polo que sería ideal para a súa integración en centos de plataformas de almacenamento e servidor. O seu consumo sería de 0,1 watts por TB, conseguiría 100.000 operacións de lectura/escritura por segundo e podería mover até 500 MB por segundo, conseguindo boas velocidades tanto de escritura como de lectura, o que convertería a esta unidade nunha boa solución para servizos na nube.
O fabricante asegura que estas novas unidades son fiables e seguras, garantindo que aguantarán até 5 anos. O seu tempo entre fallos sería de 2,5 millóns de horas.

PUBLICIDADE