Nintendo comercializará consolas vermellas para celebrar o 25º aniversario de Mario

mércores, 13 de outubro do 2010 Marcus Fernández

Nos pasados días Nintendo anunciou no Xapón que para celebrar o 25º aniversario de Super Mario Bros. ía lanzar edicións especiais das súas consolas de videoxogos nunha exclusiva cor vermella, e ante unha sorpresa xeral aseguran agora que estes produtos conmemorativos chegarán a Europa.
A primeira en chegar será a Nintendo DSi XL Special Edition Pack, o vindeiro 22 de outubro, paquete composto por unha Nintendo DSi XL vermella con iconas de New Super Mario Bros. estampadas, xogo que tamén estará incluído; mentres que o New Super Mario Bros. Wii Pack chegará o 29 de outubro cunha Wii vermella que tamén incorpora o mando con Wii MotionPlus e o Nunchuk da mesma cor. Os xogos incluídos neste último paquete serán New Super Mario Bros. Wii e Wii Sports nas súas edicións en caixa, mentres que o Donkey Kong orixinal (xogo no que apareceu Mario por primeira vez) virá precargado na consola.

PUBLICIDADE