Nintendo presenta un reloxo espertador interactivo

mércores, 9 de outubro do 2024 Marcus Fernández

Esta semana Nintendo vai pór á venda un produto que ninguén esperaba: o reloxo espertador Alarmo. Falamos dun espertador interactivo con pantalla, que detecta os movementos do usuarios mentres esperta e reproduce son para transmitir a sensación de erguerse da cama nun mundo de videoxogos.
Este curioso trebello chega con 35 alarmas diferentes de 5 xogos de Nintendo (inicialmente Super Mario Odyssey, The Legend of Zelda: Breath of the Wild, Splatoon 3, Pikmin 4 e RingFit Adveture) aos que se irán engadindo máis títulos (comezando por Mario Kart 8 Deluxe e Animal Crossing: New Horizon).
O funcionamento de Alarmo é bastante curioso, pois as alarmas consisten en sons de videoxogos que van reaccionado aos movementos do usuario na cama, que irán incrementando o seu volume se o usuario non se move (reducíndoo se detecta movementos) desactivándose totalmente a alarma ao detectarse que a persoa se ergue completamente.
Pero o dispositivo non queda aí, senón que tamén rexistra estatística sobre o tempo que se pasa na cama, os movementos durante o sono e a demora en erguerse; incluíndo tamén a posibilidade de escoitar son plácidos para relaxarse ao deitarse.
Outra función bastante curiosa consiste en sinais horarios inspirados en videoxogos.
A orixinalidade deste reloxo espertador non está só no seu deseño e funcionalidades, senón tamén no seu modelo de compra, xa que Alarmo só estará dispoñible para subscritores de Nintendo Switch Online até mediados de xaneiro de 2025, cando pasará a estar dispoñible para o público xeral.
O prezo nos EE.UU. é de 99,99 dólares, polo que podemos entender que os subscritores de Nintendo Switch Online terán que pagar máis de 100 euros se queren facer con este exclusivo produto.

Vídeo promocional de Alarmo