Nioh 2 encabeza os xogos de PS Plus de novembro

xoves, 27 de outubro do 2022 Marcus Fernández

A selección de xogos que recibirán os subscritores do servizo PlayStation Plus o vindeiro 1 de novembro vén de ser desvelada, e resulta bastante interesante, especialmente polo seu xogo principal, Nioh 2 para PlayStation 4 (que para usuarios de PlayStation 5 chegará na súa versión mellorada Nioh 2 Remastered), un xogo de rol de acción para un xogador no que tomamos o rol dun guerreiro que é metade humano, metade Yokai sobrenatural, que terá que enfrontarse a innumerables Yokai, guerreiros samurai e monstrosos xefes. A historia transcorre nunha fantástica versión do período Sengoku xaponés e foi traballo do estudio Team Ninja, estando considerada como un dos xogos máis desafiantes dos últimos anos, seguindo en parte a senda da saga Souls.
Para un público máis familiar chegará LEGO Harry Potter Collection, unha compilación para PlayStation 4 dos xogos LEGO Harry Potter: Años 1-4 e LEGO Harry Potter: Años 5-7, que chegan nunha versión remasterizada que permite gozar do mundo de Harry Potter visto baixo a perspectiva única das figuras de LEGO, o que supón diversión para toda a familia.
O xogo que completa a oferta de PS Plus de novembro é un título menos coñecido, Heavenly Bodies, un desafiante xogo de física para PlayStation 4 e PlayStation 5, que colócanos no papel dun cosmonauta do que controlaremos os seus brazos cos joysticks do mando para empurrar, tirar e trepar en escenarios simulados fisicamente a bordo dunha estación espacial de investigación científica.

PUBLICIDADE