Nioh chegará a PC con todos os DLC

luns, 2 de outubro do 2017 Marcus Fernández

A semana pasada completábase a publicación dos capítulos descargables do xogo exclusivo para PS4 Nioh, de xeito que os novos compradores podían optar xa por facerse co xogo por separado e mercar os 3 paquetes descargables dispoñibles a 9,99 cada un ou facerse cunha edición de luxo que por 79,99 euros ofrece o xogo completo, algo que finalmente vai deixar de estar limitado a posuidores da consola de Sony, xa que Koei Tecmo vén de anunciar que o 7 de novembro o xogo chegará a PC con todos os seus contidos descargables.
A versión de Nioh que chegará a Steam será así a edición completa, de xeito que, aparte do xogo de rol de acción protagonizado por un samurai na súa loita contra as forzas do mal teremos tamén os capítulos de historia titulados El dragón del norte, Honor sublevado e El fin de la masacre; así como un agasallo exclusivo para Steam que consiste nun casco exclusivo que poderemos seleccionar entre as vantaxes dispoñibles no santuario do xogo.
A versión para PC de Nioh permite levar así este xogo a unha plataforma que poderá amosar os seus gráficos cun algo nivel de detalle, permitindo que o usuario decida se maximizar a resolución ou a velocidade de fotogramas, aínda que cómpre salientar que precisa dun hardware bastante esixente para funcionar, xa que como mínimo precisa un equipo cun procesador Intel Core i5 3550, 6 GB de RAM, gráfica nVIDIA GeForce GTX 780 con 3 GB de memoria e 100 GB de almacenamento libre, recomendándose contar cun procesador Intel Core i7 4770K, 8 GB de RAM e unha gráfica nVIDIA GeForce 1060 con 6 GB de memoria.

PUBLICIDADE