No Portal da Lingua a serie de Lydia Botana para celebrar o Día Europeo das Linguas

xoves, 15 de setembro do 2022 S. P.

A Rede galega vai conmemorar con diferentes contidos dixitais e actividades o Día Europeo das Linguas, este 26 de setembro. Por exemplo a través da serie audiovisual en galego De aquí para alá, presentada este mércores 14. Trátase dun proxecto dirixido ao público infantil, familiar e docente, concibido para achegarnos ao outras culturas e linguas dende o galego. O secretario xeral de política Lingüística, Valentín García, participou na presentación deste proxecto didáctico musical, creado pola pedagoga da Linguaxe e a Educación Musical Lydia Botana.
A serie inclúe 14 episodios que contan a historia dunha bolboreta que vai polo mundo na procura de algo que faga feliz ó seu novo amigo Gali, un neno que vive en África e está moi triste. O proxecto conta con 21 cancións acompañadas de animacións e coreografías para bailaren os nenos, uns temas que nos levan nunha viaxe musical polo mundo para coñecermos os seus instrumentos e as súas melodías (jazz, rap, samba, reggae, ska, clásica, tradicional balcánico e galego, pop, etc.).
As cancións están gravadas por Lydia Botana, que canta e toca máis de 30 instrumentos musicais diferentes, e conta cunhas colaboracións estrelas nalgunhas pezas coma seu pai Vitín na guitarra eléctrica, Xabier Díaz nas percusións, Javier Cedrón ao violín, Guilhem Lacadée na trompeta e Pedro Lamas ao saxofón soprano. Todos os capítulos, dispoñíbeis ao público, iranse subindo cada mércores pola mañá ata completar os 14 totais no Portal da Lingua Galega.

PUBLICIDADE