Nokia presenta novos cargadores para a súa familia Lumia

mércores, 11 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Unha das grandes vantaxes dos móbiles de alta gama da familia Lumia é a posibilidade de cargalos sen fíos, para o que xa contaban con 3 cargadores oficiais (compatibles con outros móbiles que integran a tecnoloxía de indución Qi como o Nexus 4) aos que agora engádese o DT-601, que destaca principalmente por ter un formato máis pequeno, lixeiro e doado de transportar, á vez que consegue reducir considerablemente o seu prezo, que queda en 29 euros, polo que a tecnoloxía de carga sen fíos deixa de ser un luxo para converterse nunha comodidade.
O Nokia DT-601 está composto por unha base de carga de 65 milímetros de diámetro e só 8 milímetros de grosor, da que sae un cable USB que podemos conectar a un ordenador ou a un adaptador de parede. O accesorio está feito de policarbonato e véndese nas cores propias da familia Lumia (negro, branco, amarelo, azul ceo e vermello).
Pero, aínda que a carga sen fíos é moi cómoda para o fogar e a oficina, cando estamos en mobilidade temos que afrontar tamén o problema de que moitos dos móbiles actuais teñen unha batería integrada, de xeito que non pode intercambiarse, de aí que cada vez teñamos no mercado máis baterías externas ou cargadores portátiles como o Nokia DC-16, que ofrecía unha batería de 2.200 mAh nun tamaño moi compacto e que vén de revisarse na forma do Nokia DC-19, cargador portátil cunhas dimensións moi semellantes, que nun cilindro de 99,5 milímetros de alto, 25,4 milímetros de diámetro e 78 gramos de peso agocha unha batería recargable de 3.200 mAh. Este interesante accesorio que permite cargar dispositivos por USB porase á venda este mesmo mes por un prezo de venda recomendado de 29 euros, estando dispoñible en 3 cores distintas (amarelo, branco e azul ceo).

PUBLICIDADE