Non haberá novos Mac Pro até 2019

xoves, 5 de abril do 2018 Marcus Fernández

No ano 2013 Apple renovou os Mac Pro cun cambio radical de deseño que co tempo demostrou ser un grande erro, por non permitir a súa evolución no tempo, provocando que os usuarios profesionais quedasen abandonados por parte da empresa de Cupertino ao non poder contar con hardware actualizado, o que levou a Apple a saír a palestra o ano pasado para recoñecer o que estaba a pasar e tentar recuperar a confianza dun atractivo grupo de usuarios prometéndolles que seguirían apostando polos Mac Pro, pero tardarían en lanzar novos modelos porque precisaban redeseñalos dende cero.
Crear unha nova serie de Mac Pro sen poder partir da xeración anterior é un problema bastante complexo, polo que aseguraban que como moi pronto os novos ordenadores sairían á venda en 2018, e agora xa teñen claro que iso non será posible e recoñeceron a Matthew Panzarino (Techcrunch) que os novos Mac Pro non chegarán ao mercado antes de 2019, ou sexa, que están a preparar o terreo para que os usuarios esixentes que acudan ao WWDC en xuño non vexan frustradas as súas esperanzas ao ver que no evento para desenvolvedores non se presentan os novos equipos.
Apple está a apostar por unha transparencia inédita na compañía para que os usuarios profesionais non fuxan da marca, e que así poidan tomar decisións de compra informadas, polo que agora terán claro que o Mac Pro é un produto de 2019 e, se precisan un novo equipo de grande potencia este ano a súa única opción no catálogo de Apple practicamente sería o iMac Pro.

PUBLICIDADE