Nova cámara compacta de Nikon para aventureiros dispostos a gastar 469 euros

mércores, 31 de maio do 2017 Marcus Fernández

De cara ao verán Nikon vai pór á venda a nova COOLPIX W300, unha cámara compacta reforzada, capaz de resistir po, auga (até 30 metros de profundidade sen ningún tipo de carcasa), temperaturas extremas (pode operar a 10 graos baixo cero) e incluso caídas (de até 2,4 metros de altura), de xeito que é un dispositivo moi axeitado para aventureiros e deportistas que queiran rexistrar as súas actividades ao aire libre. A cámara tanto pode disparar fotografías de 16 Mpíxeles como gravar vídeo en 4K, permitindo así dende gravar sesións de submarinismo até descensos na neve, sen ter que preocuparase pola integridade da cámara que incluso conta con conectividade SnapBridge para facilitar o compartir as aventuras mentres están a vivirse. SnapBridge permite ligar a cámara ao noso smartphone por Bluetooth 4.1 para recibir as fotografías a medida que se disparan, evitando ter que andar a reconectar constantemente, mentres que para transferir vídeos manualmente contaremos con conectividade Wi-Fi. SnapBridge tamén permite o disparo remoto.
Esta cámara conta cun sensor CMOS de 18 Mpíxeles retroiluminado e un obxectivo f/2.8 con zoom óptico de 5 aumentos, inclúe modo macro, está dotada cunha pantalla TFT de 3 polgadas e flash, mide 111,5 x 66 x 29 milímetros e pesa 231 gramos.
A COOLPIX W300 venderase en 4 cores distintas (amarela, negra, vermella e camuflaxe) e o seu prezo será de 469 euros, o que parece totalmente desproporcionado, xa que estamos ante unha cámara compacta básica incapaz de captar fotografías dunha calidade acorde a ese rango de prezo.

A nova cámara compacta de Nikon pode empregarse en actividades acuáticas grazas á súa resistencia

PUBLICIDADE