Nova cámara de vídeo 3D Full HD para o mercado doméstico

xoves, 20 de outubro do 2011 Marcus Fernández

As 3D están a popularizarse a través do cine, os videoxogos e mesmo algúns móbiles, pero no ámbito doméstico continúa a estar pouco presente, o que dispositivos como a cámara de vídeo DXG-5F9V contribúen a mudar, xa que permite gravar vídeo estereoscópico a 1.080p sen precisar de lentes na gravación e reprodución dos filmes e incluso podendo mudar o modo de gravación a 720p para poder rexistrar secuencias de acción a 60 cadros por segundo (o dobre que o modo de gravación Full HD). A cámara tamén toma fotografías a 5 Mpíxeles e destaca especialmente por conter o seu prezo en 299,99 dólares (217,79 euros).
A cámara conta con 128 Mbytes de memoria interna, podendo gravar vídeo en tarxetas SDHC de ata 32 Gb en formato AVi ou H.264, amosando vídeo na súa pantalla 3D sen lentes de 2,3 polgadas cunha resolución de 320 x 480 píxeles), cun porto USB 2.0 para comunicarse co PC e con saídas de vídeo tanto para televisores con definición estándar ata HDMI.
Cómpre destacar que non estamos ante un produto de alta gama, o que resulta evidente ao ver que carece de zoom óptico, contando só cun zoom dixital de 10x ao gravar vídeo en 2D (en 3D non estaría dispoñible). Tamén dá a impresión de que estamos ante unha versión da videocámara SPEED FX-H10 3D, que pode conseguirse a través de tendas chinesas en liña por pouco máis de 180 euros.

PUBLICIDADE