Nova capturadora de vídeo de Razer

venres, 1 de outubro do 2021 Marcus Fernández

Os creadores de contidos para a Internet que non están conformes coa calidade de imaxe que ofrecen a webcams poden optar por empregar unha cámara tradicional que teña saída de vídeo, empregando unha capturador USB como a nova Razer Ripsaw X, que é capaz de capturar vídeo até a 4K a 30 imaxes por segundo, o que achega unha calidade de imaxe moi elevada para gravacións de vídeo e retransmisións en directo.
Esta nova capturadora, que está á venda por 139,99 euros, é plug and play, ou sexa, que funciona tan pronto se saca da caixa e se conecta ao ordenador, sendo totalmente compatible con solucións como OBS para a realización de retransmisións de vídeo en directo, podendo empregarse tamén para a realización de gravacións directamente no equipo informático (sen preocuparse do espazo na tarxeta de memoria, nin da copia posterior das imaxes para a súa edición).
A Razer Ripsaw X pode conectarse ao PC a través de portos USB 3.0, mentres que para conectarse a cámaras precisa dun cable HDMI 2.0 axeitado ao tipo de conector de cada dispositivo. Aparte de poder capturar vídeo 4K a 30 imaxes por segundo, tamén pode capturar vídeo Full HD a 120 imaxes por segundo.

A capturadora Razer Ripsaw X facilítanos o emprego dunha cámara con saída HDMI para retransmisións en directo a través da Rede

PUBLICIDADE