Nova funda con teclado de Logitech para o iPad mini

martes, 20 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Coa vista posta na portabilidade do iPad mini, Logitech lanza un novo teclado-funda, o Logitech Ultrathin Keyboard Folio, que procura protexer ao pequeno tablet de Apple durante os seus desprazamentos á vez que facilita un áxil e cómodo tecleo (á vez que libera na pantalla o espazo que habitualmente ocupa o teclado virtual). Este accesorio que se comunica co iPad mini por Bluetooth só pesa 285 gramos e ten un grosor de 19,3 milímetros, ten unha batería recargable por USB, pode colocarse en dúas posicións (elevando o iPad mini para convertelo nunha especie de ordenador portátil ou agochando o teclado por detrás do tablet) e tamén facilita a suspensión e reactivación automática do iPad mini (con só pechar ou abrir a súa tapa).
Este accesorio está xa á venda por 82,50 euros e está pensado principalmente para os usuarios que precisan de facer uso de ferramentas de produtividade en mobilidade e non queren cargar cun ordenador portátil completo para tal fin.

PUBLICIDADE