Nova pulseira de actividade de Withings

mércores, 14 de novembro do 2018 Marcus Fernández

Agora que Withings xa non forma parte de Nokia continúa a lanzar novos produtos, sendo a súa última novidade a pulseira de actividade Pulse HR, que como ben indica o seu nome, inclúe monitor cardíaco, de xeito que pode manter un rexistro continuo do ritmo cardíaco durante a actividade deportiva e contando tamén con seguimento da calidade do sono. Os adestramentos deportivos tamén poden integrar posicionamento GPS no seu rexistro e, como vén ser habitual neste tipo de dispositivos, tamén recibe notificacións do smartphone, converténdose nun dispositivos moi versátil.
O Pulse HR está construído nunha caixa de aceiro inoxidable, cunha parte superior de policarbonato e unha correa de silicona capaces de aguantar os rigores do día a día e, como grande vantaxe fronte a moitos outros trebellos semellantes temos unha batería cunha autonomía de até 20 días, de xeito que non hai que estar pendente da súa recarga a diario.
Os rexistros de actividade e estado físico do Pulse HR poden consultarse mediante a aplicación móbil Health Mate (dispoñible para iOS e Android) que tamén pode instar aos usuarios a superar obxectivos de actividade diaria, animando a mantérmonos máis activos. No que ao rexistro de actividade, a pulseira está preparada para diferenciar máis de 30 actividades distintas, para poder rexistrar ben os movementos segundo esteamos a correr, nadar, indo en bicicleta...
Esta pulseira cuantificadora ten unha pantalla OLED para amosar información, é resistente á auga (até 50 metros de profundidade), pesa 45 gramos e chegará ao mercado en 3-4 semanas a un prezo de 129,99 euros.

A Pulse HR pode levarse comodamente mentres rexistra a nosa actividade física e o noso ritmo cardíaco

PUBLICIDADE