Nova solución compacta de Western Digital para facer copias de seguridade

venres, 30 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Western Digital está a ampliar a súa familia de dispositivos de copias de seguridade en rede WD Arkeia cos dispositivos compactos DA1300 e DA2300, que ofrecen ás PEME solucións todo-en-un de copia de seguridade e recuperación de desastres. Estas novas solucións están dotadas co software WD Arkeia 10.1, compatible con máis de 200 tipos de plataformas existentes (Windows, Linux, OS X, AIX, Solaris, BSD, Novell...) que permite realizar copias de seguridade en quente de aplicacións e bases de datos importantes, empregando a tecnoloxía Deduplicación Progresiva que promete reducir o volume de almacenamento e facilita unhas copias de seguridade máis rápidas.
Estes novos WD Arkeira DA1300 e DA2300 están equipados con procesador de dobre núcleo Intel Atom e Intel Xeon respectivamente, poden montarse en bastidor e fan uso de tecnoloxía SSD para aumentar ao máximo o rendemento das copias de seguridade e a restauración de datos.
Estes novos dispositivos teñen un tamaño compacto (miden 20,6 x 16 x 22.36 centímetros) polo que poden colocarse comodamente sobre calquera escritorio, teñen grandes capacidades de almacenamento (ata 16 Tb no caso do DA23000), integran unha pantalla LCD para amosar o estado e a información de alertas críticas dun xeito rápido e doado, e poden empregarse en combinación con copias de seguridade en nubes híbridas (podendo realizarse as copias de seguridade fóra das instalacións da empresa mediante o uso de discos duros con conexión USB para transferir as copias de seguridade iniciais ou de grande tamaño e axustar o largo de banda da WAN para a replicación de copias de seguridade incrementais nocturnas).
O WD Arkeia DA1300 sairá á venda a finais de setembro por 3.490 dólares (o prezo europeo aínda non foi notificado) no seu modelo de 4 Tb, chagando o modelo DA2300 ao mercado durante o outono.

PUBLICIDADE