Novas webcams de Microsoft para achegar videomensaxes e efectos a Windows Vista

martes, 9 de setembro do 2008 Marcus Fernández

Microsoft presentou 2 novas cámaras web, a LifeCam Show e a LifeCam VX-5500, que buscan achegar a videoconferencia e as mensaxes de vídeo aos ordenadores, tanto portátiles coma de sobremesa.
A LifeCam VX5500 ten un sensor VGA e é capaz de tomar instantáneas a 1,3 Mpíxeles. Tamén inclúe tecnoloxía de cancelación de ruído e frontais intercambiables en varias cores (branco, azul e vermello). O seu prezo de venda será de 59,95 dólares nos EE.UU.
A LifeCam Show dá un paso adiante en calidade, e pese a ter un tamaño moi reducido (33 x 62 milímetros) conta cun sensor de 2 Mpíxeles (ou sexa, alta definición) e pode tomar imaxes estáticas a 8 Mpíxeles. A cámara inclúe un clip para a súa colocación na pantalla de equipos portátiles, unha base para o escritorio e discos adhesivos (que permitirían pegar a cámara á tapa dun portátil, podendo pecharse o equipo sen ter que quitar a cámara). Esta cámara tamén incorpora tecnoloxía de cancelación de ruído e de eco, polo que achega unha claridade de son que facilita a comunicación con outros usuarios.
Ambas cámaras inclúe software LifeCam que fai doada a realización de videoconferencias nas que se poden integrar efectos especiais (coma accesorios 3D, esaxeracións faciais e filtros). Tamén poden acceder ao servizo de Video Messages que Microsoft ten en probas.
Estas webcams sairán á venda en outubro.

PUBLICIDADE