Novatel engade pantalla táctil ao seu novo MiFi 4G

luns, 10 de decembro do 2012 Marcus Fernández

Os puntos de acceso móbiles, que permite tomar unha conexión de banda larga móbil e compartila a través de Wi-Fi, evolucionan co Novatel MiFi Liberate, dispositivo que, aparte de contar con conectividade LTE (4G) e permitir compartir a conexión con ata 10 persoas, destaca por contar cunha pantalla táctil capacitiva LCD de 2,8 polgadas, o que permite, entre outras cousas, comprobar os dispositivos cos que está conectado, o estado da conexión ou o uso de datos.
Este dispositivo conta cun lector de tarxetas microSD de ata 32 Gb de xeito que pode facer de servidor multimeida de música, fotografías e vídeo mediante DLNA, ten unha batería de 2.900 mAh que achégalle unha autonomía ata 11 horas e, nas probas realizadas por Mashable, rexistrou velocidades de conexión bastante boas (preto dos 20 Mbps de media tanto de baixada coma de subida). O trebello mide 102,9 x 73,1 x 8,6 milímetros e pesa 120 gramos, e polo momento a súa comercialización está limitada ao mercado norteamericano, onde AT&T véndeo por 49,99 dólares cun compromiso de permanencia de 2 anos nun plan de datos LTE.

PUBLICIDADE