Novo MID con procesador Intel Atom

xoves, 23 de outubro do 2008 Marcus Fernández

Normalmente temos que usar a lupa sempre que lemos que algo destaca a nivel mundial, e como exemplo temos o Mobile Internet Device (MID) de USI, que asegura ser o máis delgado do mundo, aínda que hai que matizar que se refiren só a dispositivos con procesador Intel Atom (pois incluso os Nokia N800 e N810 son máis delgados).
O USI MID-160 conta cunha pantalla táctil de 5 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles, 512 Mb de memoria, 8 Gb de disco de memoria sólida, Wi-Fi, Bluetooth, GPS, HSDPA ou WiMAX (como opción), lector de tarxetas microSD, fenda para tarxeta SIM, webcam, sistema operativo Ubuntu Linux, un grosor de só 1,5 centímetros e un peso de 250 gramos.
A vantaxe deste MID con respecto dos seus competidores estaría en que o procesador Intel Atom incorporado achegaría unha experiencia web plena, pois tería a potencia necesaria para ver páxinas que fagan uso de Flash.
Este trebello sería OEM, de xeito que chegará ao mercado baixo outras marcas, que poderán optar por configuralo con procesadores de entre 800 e 1,1 GHz.

PUBLICIDADE